Calendario

  • 15 30 de decembro: data límite do envío de propostas.
  • 13 de xaneiro: aceptación da comisión científica.
  • 21 de xaneiro: data límite para a inscrición de poñentes.
  • 28 de xaneiro: publicación do programa provisional.
  • 11 de febreiro: publicación do programa definitivo.
  • 24 de marzo: data límite para a inscrición de asistentes.
  • 11 e 12 de abril: celebración do congreso.

Comunicacións

Co rótulo “Ontoloxía millennial da divina xuventude” preséntase o LVI Congreso de Filosofía Xove que terá lugar en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de abril de 2019. Para esta edición propoñemos abordar unha serie de “metatemas” relacionados coa especificidade do congreso que nos convoca (a saber, o «xove») dende a infranqueable idiosincrasia millennial que nos é propia.

A disciplina filosófica sempre vai “a rebufo” das conxunturas tecno-políticas do seu tempo, e o noso está marcado por unha sorte de aceleracionismo melancólico tolerado a base de desapego irónico e horror vacui experiencial. É por iso que chamamos ás novas filósofas e investigadoras en temas afíns a que reflexionen acerca do papel da filosofía nos tempos que corren, é dicir, a que filosofen colléndolle o ritmo a unha xuventude acelerada e enferma de actualidade. En que movementos xuvenís pode encontrar mellor acollida a disciplina filosófica? Que novos formatos expresivos se prestan máis a ela? Que fenómenos protagonizados pola xuventude contemporánea deberían ser estudados pola Filosofía académica? Aínda é posible seducir e corromper socraticamente ás novas xeracións? Que novas estratexias de estimulación reflexiva cabe explorar? É a desaparición de figuras como o cani barroco un síntoma da decadencia occidental?

Para abordar estas e outras cuestións propoñemos as seguintes liñas temáticas orientadoras:

  1. Ontoloxía millennial da divina xuventude
  2. Filosofía e humor
  3. Filosofía e novas tecnoloxías
  4. Xeopolítica e ecoloxía
  5. Novas estéticas e identidade

As propostas non deberán superar os 2500 caracteres (ca. 500 palabras). Estas poderán escribirse en castelán, galego, catalá, portugués e inglés (no caso de residentes temporais no noso país), entendendo que a exposición se fará no mesmo idioma que la proposta.

As comunicacións terán unha duración de 20 minutos, aos que seguirá unha quenda de preguntas.

Data límite de envío de propostas: 15 de decembro de 2018.

Envío de propostas

O prazo xa rematou.